Milladoiro abrirá na noite do martes as celebracións da Virxe do Porto
Por Redacción
Marín celebra esta semana as súas Festas da Virxe do Porto.
Para o martes e o mércores, o Concello de Marín organizou un programa de concertos co que poder honrar á patroa da vila e gozar, con seguridade e con todas as medidas sanitarias vixentes, dunha das citas máis esperadas do calendario festivo da vila mariñeira.
As festas comezarán o martes 7 de setembro ás 20.30 horas co concerto na Alameda do grupo Milladoiro. O grupo de folk celta, un dos máis importantes do panorama musical galego, leva en activo desde 1978 e está considerado como un dos grupos de música do seu xénero máis relevantes a nivel internacional. Recentemente ofreceron o concerto central do Día de Galicia na praza da Quintana de Santiago de Compostela, como antesala dos fogos do Apóstolo.
Xa o mércores 8, Día da Virxe do Porto, abrirá a programación a Banda de Música Musimarín, que tocará na Alameda a partir das 13.00 horas. Polo serán, tamén na Alameda, ás 20.30 horas, collerá ao relevo Xulio Lorenzo, músico e compositor nado en Louredo (Mos) e fundador do grupo Xabenga Folk. Publicou seu primeiro traballo discográfico en solitario publicado, no que participaron grandes artistas, como Bieito Romeo, Marcos Campos, Pedro Fariñas ou a Banda de Gaitas Xarabal, entre outros.
En canto aos oficios relixiosos, haberá misa no Templo Novo ás 12.00 horas.
CELEBRACIÓN EN ARDÁN
Ttamén a parroquia de Ardán celebrará actos para festexar á Virxe do Porto. O mércores, día 8 de setembro, ás 13.00 horas, haberá misa cantada e pasarrúas a cargo da Banda de Música de Bueu. Pola noite, actuará a Orquesta Marbella, de 21.00 a 00.00 horas.
O xoves, día 9, para pechar o calendario festivo, haberá de novo misa cantada ás 13.00 horas en honra a San Roque e pasarrúas co Grupo de Gaitas de Ardán. Pola noite, a partir das 21.00, será a quenda da Orquesta Oca Band.
Desde a Comisión de Festas da Asociación Landra Verde quixeron agradecer á Xunta de Galicia a colaboración económica que realizou para o desenvolvemento da festa, achegando o 40% do custo das orquestras, e tamén ao Concello de Marín, polo seu apoio.