Visitas guiadas, música e espectáculos para toda a familia centran o programa paralelo do Revenidas
Por Redacción
O programa do festival Revenidas componse de moito máis que concertos. O evento conta cun calendario de actividades paralelas de carácter cultural, lúdico e infantil, que se desenvolverá desde o mércores 8 ata o domingo 12.
O primeiro acto será o roteiro " Redescubre Vilaxoán con Xurxo Souto". A partir das 18 horas, desde a praza Rafael Pazos, o músico e escritor realizará unha visita guiada e musicada pola vila á que poderán asistir un máximo de 25 persoas. O acceso é gratuíto pero é necesario inscribirse previamente na web do festival www.revenidas.com.
Ese mesmo día e no mesmo lugar, a partir das 21 horas, terá lugar unha sesión da Duendeneta, na que o xornalista e crítico musical Carlos Crespo realizará un percorrido polo pasado, presente e futuro da música en galego desde a súa discoteca móbil vintage.
A gastronomía será a protagonista do día 9. A partir das 19 horas, Félix Rodríguez e Fran Rei presentarán " Saaabor!", un espectáculo cómico para todos os públicos que mestura música, maxia, humor, ritmo e participación do público co mundo da gastronomía sempre como pano de fondo.
Ao día seguinte á mesma hora será a quenda dun dos artistas imprescindibles no Revenidas: Peter Punk. O personaxe que encarna Isaac Rodríguez Miranda, un dos clowns de referencia en Galicia, presentará un renovado espectáculo para todos os públicos cun humor traveso, freco e irreverente.
O sábado o protagonista será Paco Nogueiras que presentará ás 19 horas o seu espectáculo "Extra!" baseado no libro-CD homónimo que en realidade é un xornal musical no que teñen cabida os temas máis curiosos interpretados sempre desde unha óptima de ritmo e humor.
Este programa paralelo péchase o domingo ás 19 horas con "Desastronauts", un espectáculo de voadores cheo de humor a cargo de Raquel Veganzones e Girisho Gordon, ambos os graduados na escola londiniense The Circus Space.
Todas as actividades terán lugar na praza Rafael Pazos con entrada gratuíta ata completar aforo, salvo o roteiro de Xurxo Souto, que require inscrición previa.