Óscar Ibáñez & Tribo ofrece este sábado un concerto homenaxe ao 'Gaiteiro de Viascón'
Por Redacción
O vindeiro sábado 28 de agosto ás 21 h na contorna da Igrexa de Viascón, en Cerdedo-Cotobade, o gaiteiro Óscar Ibáñez dará un concerto co seu espectáculo 'Porteláns' acompañado da súa banda de directo Óscar Ibáñez & Tribo, co que renderá unha homenaxe ao gaiteiro Ricardo Portela (Viascón, 1920-1992) co gallo do centenario do seu nacemento.
Este concerto está organizado polo Concello de Cerdedo-Cotobade co apoio da Deputación de Pontevedra a través do programa Musigal. Estaba previsto para o pasado ano 2020 pero tivo que ser aprazado pola pandemia da Covid-19. A entrada é de balde ata completar cabida.
Non é a primeira vez que Óscar Ibáñez homenaxea ao célebre Gaiteiro de Viascón xa que en 2008 produciu o dobre-CD "Foliada nas Rías Baixas. Homenaxe a Ricardo Portela o Mestre" e en 2017 gravou coa propia gaita do lendario gaiteiro o CD "Aires de Pontevedra". Recentemente foi o impulsor dos actos conmemorativos polo centenario do seu nacemento en 2020.
En Viascón percorrerá os temas máis senlleiros do repertorio de Ricardo Portela dende unha óptica actual e con arranxos moi elaborados e frescos. Óscar Ibáñez estará acompañado de músicos de recoñecida traxectoria como Fernando Fraga, acordeón; Harry Price, violín; Carlos Calviño, guitarra; Paco Dicenta, baixo; Carlos Castro, batería e percusión; a xilofonista Carla Villanueva; e os gaiteiros Pepe Romero, Jorge Maño, Álvaro Puga, Gloria Cespón, Daniel García, Álvaro Rúa e José Pérez.