'Biblioteca no Xardín' anuncia as súas actividades de lecer infantil en Caldas de Reis
Por Redacción
Como xa é tradición no final do verán, a Biblioteca Municipal de Caldas de Reis volve organizar actividades variadas para público familiar coa programación da 'Biblioteca no xardín', que se desenvolverá no espazo do Xardín Botánico, situado xunto ao centro bibliotecario.
Nesta ocasión, as actividades están confinanciadas pola Xunta de Galicia, a través do programa 'Ler Conta Moito'. Organizaranse un total de catro funcións de contos, maxia, marionetas e música que terán lugar entre os días 31 de agosto e 3 de setembro ás 12.00 horas, dirixidos a público familiar e atendendo a todas as medidas de seguridade establecidas fronte á Covid.
As prazas son limitadas e precísase inscrición previa. O prazo para apuntarse xa está aberto de maneira presencial na Biblioteca Municipal ou chamando ao teléfono 986 530 604 entre as 09.00 e as 14.00 horas.
PROGRAMACIÓN
O martes día 31 terá lugar o espectáculo "Unha maxia diferente" de Paco o Mago, para maiores de 5 anos. Trátase dun espectáculo orientado a promover a igualdade de xénero que trata temas como a violencia ou o machismo e traslada valores como a igualdade entre mulleres e homes, o amor e o respecto. O humor e a interacción co público son dúas das claves desta montaxe, que sempre resulta un éxito rotundo.
O mércores día 1 será a quenda para maiores de 4 anos con "O arquivo do chivo" de Pablísimo, un espectáculo de teatro, monicreques e narración oral onde as historias se contan con palabras e as personaxes aparecen nas mans.
Ao día seguinte, xoves 2 de setembro, Expresión Producións achega "Contoaventuras", un espectáculo de animación á lectura, con maxia, contos, monicreques, cancións, participación do público, e moita diversión destinando a nenos con máis de 4 anos.
Pecharase a programación o venres 3 de setembro con "Flipa cos contos" de Bandullo Azul, unha sesión "filipante" de contos para toda a familia con historias tradicionais, música e humor repartido entre os dous grandes contadores.
A concelleira de Cultura, María López, manifestaba que é "un auténtico privilexio poder contar cun espazo con tanto encanto como o Xardín Botánico ao que trasladar as propostas culturais infantís nesta época" e sinalou que "se trata dun lugar estratéxico por atoparse ao lado da Biblioteca no que ademais podemos facer cumprir con maiores garantías as medidas de distanciamento e seguridade fronte o coronavirus".