32 espectáculos de 'Cultura no Camiño' visitan escenarios de oito concellos
Por Redacción
Campo Lameiro, Ponte Caldelas, Vilaboa, Caldas de Reis, Portas, Cuntis, Moraña e Marín acollen durante este verán 32 espectáculos escénicos dentro do programa 'Cultura no Camiño', que promove a Xunta de Galicia en colaboración cos concellos.
Campo Lameiro contará coas actuacións da narradora Marta Ortiz e a música de Galifunk en setembro. A finais de agosto comezarán as propostas en Ponte Caldelas co concerto de Samudra Trío e ao longo de setembro acollerá a música da Banda do Verán, Magín Blanco e Mamá Cabra, ademais de teatro con Caxoto e ilusionismo con O Mago Paco.
En Vilaboa desenvolveranse catro propostas, entre finais de agosto e setembro, desde o teatro de Tanxarina e de Culturactiva, novo circo con Kote Malabar e maxia con Cayetano Lledó. Marín pola súa banda xa contou en xullo e durante o inicio de agosto coas actuacións de Pedro Volta, a música de Manoele de Felisa e de Carlos Núñez.
Cuntis acollerá neste mes teatro de Rilo & Penadique e o Desconcerto de Félix Rodríguez e Fran Rei, ademais do novo circo da compañía Circo Chosco. En setembro chegará o momento da música con Cé Orquestra Pantasma e o novo circo co artista Pedro Brandariz. Moraña acollerá a finais de agosto a función da compañía pontevedresa Migallas Teatro.