Concerto sorpresa de Jorge Drexler no Náutico de San Vicente
Por Redacción
O Náutico de San Vicente poñía en marcha este verán unha proposta de concertos secretos, consistente en non anunciar previamente as dúas actuacións que acolle cada día.
Este pasado luns o público asistente mostraba o seu asombro ante a aparición de Jorge Drexler. Aínda que o músico uruguaio era un dos habituais nas últimas programacións do Náutico, nesta ocasión o seu concerto foi mantido en segredo ata o momento mesmo no que saíu ao escenario. Ningún anuncio nin ningún incremento no prezo da entrada, que neste verán é o mesmo para todas as actuacións.
Jorge Drexler actuou en compañía da teclista Meritxell Neddermann e o percusionista Borja Barrueta.
Non é a única sorpresa que deparou o local da praia da Barrosa ao seu público nestas semanas. Nos últimos días xa pasaron polo local, tamén sen anunciar, artistas como Ariel Rot, Andrés Suárez ou o grupo Shinova.
Desde o Náutico anúnciase que seguirán sorprendendo ao seu público durante agosto e setembro, meses nos que se espera a visita de artistas consagrados da escena musical española. Para o mes de agosto, mantéñense os dous concertos ao día, ás 13:00 e ás 20:00 horas.
Os concertos que se celebran entre o 10 e o 14 de agosto encádranse dentro da campaña de promoción patrocinada pola Deputación de Pontevedra baixo o nome de Momentos Rías Baixas, para promover entre o público nacional e internacional esta zona turística do concello do Grove.
A entradas para todos estes concertos poden adquirirse desde a web https://nautico.entradas.plus
ZONA GASTRO
Ademais da oferta musical, O Náutico conta este ano cunha zona gastro desde a que o cociñeiro Pepe Solla, cunha estrela Michelín e tres soles Repsol, ofrece algúns dos pratos máis emblemáticos e estivais do seu restaurante compostelán La Radio. Propostas como a empanada de pescada, allos porros e cogomelos; a ensalada rusa de pescada picante e crema de encurtidos; o perrito de papada ibérica con aromáticos; o bocadillo de pastrani de lacón; o mogote con mole verde ou os tacos de costela ibérica.
Relacionadas:
-
Reactivación cultural con cautela
Por Mónica Patxot & Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
O Náutico doa máis de 15.000 euros á Asociación Contra o Cancro e a Cáritas
Por Oskar Viéitez |
-
Reencontro en El Náutico de San Vicente: Leiva e Rubén Pozo 'reviven' a Pereza por un día
Por Redacción |
-
A Deputación e o Náutico de San Vicente lanzan o ciclo de concertos "Momentos Rías Baixas"
Por Manu Otero |
-
El Náutico e Pepe Solla alíanse para maridar música e gastronomía no Grove
Por Alejandro Espiño |
-
Uxía e Javier Ruibal gravan no Grove un disco dedicado a Rosalía e Lorca
Por Alejandro Espiño |
-
Unha residencia artística, novo proxecto de El Náutico para "fortalecer" a súa oferta cultural
Por Alejandro Espiño |
-
O Náutico de San Vicente do Grove continúa coa súa dobre proposta diaria de directos
Por Redacción |