A obra de teatro infantil "Cartoóns" leva o seu humor didáctico ata A Lama
Por Redacción
O Multiusos da Lama serviu de escenario para a representación da obra de teatro infantil "Cartoóns", protagonizada polos actores galegos Josito Porto e Víctor Mosqueira.
Este espectáculo de clown chegaba ao municipio a través do programa "Ler Conta Moito" da Rede de Bibliotecas de Galicia, subvencionado pola Xunta de Galicia coa colaboración do Concello da Lama.
A peza teatral conta unha historia na que se abordan de xeito lúdico valores como a colaboración, o traballo colectivo, a solidariedade, a consciencia ecolóxica, a empatía social, a autosuficiencia e a reciclaxe.
Josito Porto e Víctor Mosqueira representan dous personaxes que perderon todo e teñen que aprender a facelo todo de novo, dende a cunca na que beber ata o traxe que necesitan para acudir a unha gala. No título faise un xogo de palabras entre a denominación inglesa dos debuxos animados, os 'cartoons', e o feito de que os pallasos protagonistas viven rodeados de cartóns, un material do que descobren o seu valor como alternativa a guindalo no lixo.
O cartón serviralles para construír casas, tubaxes do gas,cortinas das xanelas, revisteiros, rolos de papel hixiénico, bandexas, edredóns, motos, parasoles de praia, anteollos, ponchos, esquís ou avións, entre outros. Deste xeito convidan aos máis pequenos a facer voar a súa imaxinación.
A obra estimula a posibilidade de converter o refugallo en bens de uso e tamén incide nos tres coñecidos "R"s para unha vida sostible: reducir, reutilizar, reciclar.