Bueu acolle unha exposición sobre a procura de bacallau nos caladoiros de Terranova durante 1950
Por Redacción
A Rede de Espazos con contido Museístico Atlántico (REMA) finaliza, despois de partir da Casa da Navegación de Baiona, a singradura da mostra temporal A Campaña do Argus en Galicia, unha exposición cedida polo Museo Marítimo de Ílhavo (Portugal) e que desembarca o vindeiro venres, 6 de agosto, no Centro de Interpretación de Agrelo, en Bueu. A inauguración será ás 12 horas.
O público poderá contemplar o traballo realizado polo reporteiro do National Geographic Magazine e oficial da Armada australiana, Alan Villiers, que acompañou aos pescadores portugueses na procura de bacallau nos caladoiros de Terranova, en Canadá, durante 1950. Villiers viviu máis de cinco meses como camarada dos pescadores portugueses. Desa viaxe poderá verse unha colección de fotografías sobre a súa experiencia a bordo do Argus.
A mostra inclúe tamén exemplares da primeira edición do libro A campanha do Argus, considerado un clásico da literatura marítima mundial e que retrata a campaña de pesca do bacallau. Por outra banda, na exposición proxectarase a película The Bankers - The Voyage of the Schooner Argus.
Con esta iniciativa preténdese poñer en valor a cultura mariñeira como elemento de unión, promoción e intercambio cultural entre as diferentes zonas costeiras atlánticas. A exposición A campaña do Argus poderá visitarse en Bueu ata o próximo 5 de setembro.