O SonRías ponse en marcha con entradas aínda dispoñibles para catro dos seus seis días de concertos
Por Redacción
O SonRías ponse este martes en marcha. Unha das citas musicais de referencia en Galicia ten todo preparado para ofrecer seis noites de diversión e música o recinto multiusos da Estacada de Bueu. Kase O, Sés. La M.O.D.A, La Pegatina, Travis Birds, Muerdo, TéCanela, Sabela, ISEO & Dodosound, Ciudad Jara, Tu Otra Bonita e SonDaRúa conforman o cartel dunha edición do 2021 adaptada ao contexto de pandemia.
Informan desde a organización que aínda quedan entradas á venda para catro das seis sesións nocturnas programadas. Só están esgotados desde hai días os pases para o concerto de Kase O, do sábado; e de Sabela e La M.O.D.A, do venres.
Unha das novidades desta edición chega, como non podería ser doutra maneira, coa implantación dun protocolo de seguridade para previr contagios por covid-19. O recinto estará dividido en sectores con equipamentos independentes en cada zona e circuítos de percorridos sinalizados. Haberá tres zonas diferenciadas en función do prezo das entradas: 29, 26 ou 23 euros en función da distancia ao escenario. E cada unha destas zonas estará á súa vez subdividida en sectores que contarán con aseos, barra, zona de recarga de pulseira e merchandising propios. O aforo de cada un destes espazos terá unha capacidade máxima de 500 persoas.
Co obxectivo de promocionar este evento, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, estivo en Bueu para animar a toda a cidadanía galega e aos turistas para gozar dos eventos culturais que se están realizando durante este verán en Galicia de modo seguro e sostible co medio ambiente.
Acompañada polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil; e do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, Vázquez incidiu en que a inclusión de principios de sustentabilidade repercute directamente na mellora da imaxe da organización, na redución de custos e, sobre todo, na minoración do impacto ambiental na contorna.
Nestes festivais cóidase o uso de auga e da enerxía grazas ao aproveitamento das horas de luz e de espazos abertos. A aposta pola alimentación a través de produtos locais, de comercio xusto e con certificación ecolóxica é outra das marcas deste programa.
A colaboración da Consellería cos organizadores destes festivais visualízase tamén na cesión de contedores de envases lixeiros e vidro cos que garantir unha correcta xestión dos residuos que se xeren durante a celebración do festival.