"Willkommen" ao cabaré da Ferrería
Por Cristina Saiz & Redacción
Esta fin de semana, aquelas persoas amantes do espectáculo teñen unha ocasión perfecta para penetrarse no mundo do humor, a música e a festa a través do ciclo 'Cabaré, Cabaré!', que se desenvolve ata o domingo no centro histórico, dentro do programa de Festas do Verán do Concello de Pontevedra.
Durante as mañás desenvólvense espectáculos itinerantes e polas noites, o escenario da Praza da Ferrería, convértese nun espazo para que o mestre de cerimonias cante Willkommen e abra un pano tras o que aparecen artistas sorprendentes.
Na primeira noite, Las Antonias Band fixeron gozar ao público cun concerto optimista, empoderado e participativo baixo o lema 'Todas somos Antonias'. As cinco artistas ofreceron un repertorio de temas moi populares pero con letras modificadas e cheas de ironía.
Este venres 30 a quenda é para a banda de swing Menil Swing & Amigos coas voces dalgúns dos cabareteros máis consolidados no panorama galego como é o caso de Nelson Quinteiro, Iria Pinheiro ou Lilí Berlín.
Este sábado, a partir das 22.00 horas, a praza chegarase de fume, sensualidade e provocación coa Gala de Cabaret Berlinés Atemporal. Coreografías, números con cadeiras, chapeus e corpiños da Compañía Nelson Quinteiro deixarán pampo ao público.
E por último, o domingo pecharase o ciclo coa estrea de 'Fala-Me. Trad Cabaré', con Nelson Quinteiro ofrecendo unha nova proposta que fusiona estética, música e danza tradicional co descaro e o atrevemento. Sobre o escenario abrirase un salón de baile galego dos anos 30 con fetichismo e sensualidade. Comezará tamén ás 22.00 horas e a entrada é libre, seguindo os protocolos sanitarios establecidos.