Semana do Museo de Combarro organizada polo colectivo Armadiña
Por Redacción
O colectivo Armadiña está a difundir o proxecto museístico que pretende implantar en Combarro baixo o nome de 'Mus.Co'.
A primeira acción programada será a Semana do Museo de Combarro. Do 2 ao 7 de agosto, o local social da asociación converterase na primeira sala de exposicións de 'Mus.Co', acompañada de actividades para coñecer o patrimonio local.
A mostra inaugural, "A muller e o mar", abrirá as súas portas o luns 2 de agosto ás 12:00 horas no Fogar Armadiña, situado na Baixada a Chousa, número 11 de Combarro. Permanecerá ata o sábado 7 cun horario de mañá, entre as 11:00 e as 13:00, e pola tarde entre as 17:00 e as 20:00.
O Martes 3 ás 20:00 horas o colectivo Armadiña presentará no local social o proxecto 'Mus.Co' para que toda a veciñanza interesada poida coñecer como sería o futuro Museo de Combarro.
Do xoves 5 ao sábado 7 ás 19:30 será a quenda para o Teatro Infantil Armadiña, que serán os encargados de guiar e dar a coñecer dun xeito diferente a vila a través de visitas guiadas teatralizadas.
O venres 6 ás 22:00 haberá unha visita nocturna aos petróglifos do Xuviño, guiada polo arqueólogo e integrante do colectivo Marcos Padín. A saída será desde o Fogar Armadiña.
Finalizarán as actividades o sábado 7 ás 20:30 na praza da Chousa con Xogando Miudiño, un espazo de xogos tradicionais para gozar en familia.
En paralelo a estas actividades, o colectivo Armadiña convida á xente de Combarro a colgar unhas bandeiras co lema "As nosas raíces" durante toda a semana para reivindicar a necesidade dun espazo museístico nunha vila con tanta historia e tan visitada como Combarro.
Relacionadas:
-
O Festival Armadiña Rock regresa a súa orixe cun formato máis local
Por Redacción |
-
O Armadiña Rock volve a Combarro o 20 e o 21 de agosto cunha edición centrada en bandas galegas
Por Redacción |
-
Impulsan un museo etnográfico sobre a tradición labrega e mariñeira de Combarro
Por Redacción |
-
Un grupo de xente moza de Combarro crea unha canle de entrevistas audiovisuais
Por Redacción |
-
A asociación Armadiña cede exemplares do cómic 'O último festi' á Biblioteca Municipal e ao IES de Poio
Por Redacción |
-
O Armadiña Rock muda o formato e substitúe a súa edición 2020 por unha pioneira publicación de banda deseñada
Por Redacción |