"Cyrano" inaugura este domingo no Teatro Principal o ciclo Concertos en familia
Por Redacción
O Teatro Principal acolle este domingo, 13 de outubro, o primeiro dos Concertos en familia programados pola Concellaría de Cultura en colaboración coa Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra. Neste proxecto que chega este ano á súa cuarta edición, contos e historias, non sempre para nenos pero si adaptadas a eles, cobran vida para facer gozar ás familias e especialmente ao complicado público infantil.
O primeiro concerto é Cyrano ás 18:30 horas no Teatro Principal. A Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra coa colaboración do actor Alfonso Rivera e a posta en escena de Eufasio Lucena, ambos mestres da Escola Superior de Arte Dramática, darán vida a este conto musicado baseado no drama Cyrano de Bergerac, de Edmond Rostand.
Argumento: En clave de humor e tenrura, a historia ten como protagonista a un home que tiña un nariz enorme e estaba namorado da súa curmá Roxana, mais non se atrevía a lle dicir nada porque se sentía moi feo. Christian era un mozo moi bonito que tamén estaba namorado de Roxana, pero tampouco se atrevía a lle dicir nada porque era moi parvo.
Cyrano, que tamén era poeta, axudou a Christian a que declarara o seu amor a Roxana. Christian morreu na guerra e Roxana choroulle durante toda a súa vida, ata que descubriu, pouco antes da morte de Cyrano, que el era o seu verdadeiro amor.
As próximas convocatorias dos Concertos en familia serán os días 20 e 27 de outubro datas nas que nenos e pais poderán gozar xuntos dunha ópera e un concerto para bebés. Estas dúas seguintes interpretacións terán como escenario o Pazo da Cultura. Haberá unha única sesión por espectáculo ás 18:30 horas, a excepción do concerto para bebés de Paulo Lameiro, que ao ter aforo máis limitado, contará ademais con dúas sesións matinais ás 11:00 e ás 12:30 horas.
As entradas estarán á venda en www.servinova.com e 902 504 500 a un prezo de cinco euros (tres euros para menores, estudantes, parados e xubilados) e na billeteira do Teatro Principal ou do Pazo da Cultura antes do inicio do espectáculo no caso de non esgotarse. O concerto para bebés, con aforo limitado a 70 prazas, venderase únicamente en pack de un adulto + un bebé a un prezo de 12 euros.