Pontevedra, Vilagarcía e Sanxenxo, sedes do ciclo de humor galego 'Comicamente'
Por Redacción
Carlos Blanco, Luis Piedrahita e Pepo Suevos actuarán no Parque da Xunqueira de Vilagarcía de Arousa o 7 de agosto. Marita Martínez, Federico Pérez e Xosé A. Touriñán levarán o humor á praza Fonte de Ramos, en Sanxenxo, o 13 de agosto. E o 21 dese mes, o exterior do Recinto Feiral de Pontevedra acollerá unha sesión con David Amor, Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán.
Son os tres espectáculos que chegarán a esta zona das Rías Baixas dentro do ciclo 'Comicamente', promovido pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia coa intención de reactivar o sector cultural e o humor de Galicia.
Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, presentaba este xoves as actuacións deste ciclo que se encadra na programación do Xacobeo 21-22 para chegar a unha ducia de municipios da comunidade autónoma entre finais de xullo e principios do mes de setembro.
Todas as actuacións realízanse ao aire libre e implican a ao redor de vinte empresas do sector cultural relacionadas coa produción artística. As entradas poñeranse á venda a partir deste venres 23 a través de ataquilla.com.