O FICBUEU empeza a conta atrás: proxectará 128 curtas de máis de 30 países do 10 ao 19 de setembro
Por Redacción
O Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBUEU) proxectará na súa 14 edición un total de un total de 128 títulos procedentes de máis de 30 países, ofrecendo, como xa é habitual, unha ampla panorámica do mellor cinema mundial en formato curto.
Así o deu a coñecer este xoves a organización do festival, que empeza a súa conta atrás coa publicación das obras seleccionadas para a súa proxección no centro social do Mar a partir das preto de 2.062 propostas recibidas.
Este ano o festival ofrecerá como novidade unha 'Carta Branca', unha sesión comisariada neste caso por Marc Bertrand, que leva máis de dúas décadas producindo cintas de animación na NFB.
En total, serán máis de trinta sesións de cine entre o 10 e o 19 de setembro no Centro Social do Mar, onde se garantirán as necesarias medidas de seguridade perante a covid-19.
A sección internacional terá este ano 24 curtas. Seis delas están producidas ou coproducidas por Francia, poñendo de relevo a fortaleza da cinematografía gala.
Ademais, haberá catro cintas de Estados Unidos, tres de Canadá e materiais enviados desde Asia (Tailandia e Mailaisia), África (Exipto) e Latinoamérica ( Colombia/Arxentina) e países europeos como Grecia, Alemaña, Eslovenia, Bélxica, ademais de co producións de varios países como Exipto/Francia/Qatar/Bélxica, Francia/Irán e Países Baixos/Portugal.
Unha cuarta parte das cintas serán en formato documental e en xeral ofrecerán unha ampla variedade de temáticas, sendo o cinema social o máis habitual.
A Sección Experimental amplíase este ano ata os trece títulos, mentres que o apartado Galicia R contará con seis e España con cinco.
Os capítulos competitivos péchanse coa Sección Escolas, que reúne un total de 15 filmes entre escolas de cinema internacionais e centros de ensino galegos dos distintos niveis educativos, que terán a súa propia entrega de premios.
En canto aos apartados non competitivos, retómase a Sección Panorama, onde se amosarán dez das mellores curtas que non chegaron a entrar a concurso pero que recibiron unha alta valoración por parte do comité de selección. Haberá tamén unha nova Retrospectiva, centrada desta volta en 25 títulos da National Film Board of Canada (NFB), a maior produtora de carácter público do mundo.
As seccións paralelas completaranse co Minific , que se divide en curtas familiares, cativas, infantís e xuvenís, as tres últimas para centros escolares.
As proxeccións combinaranse con múltiples actividades como concertos, obradoiros ou charlas.
Toda a programación pode consultarse en www.ficbueu.com.
Relacionadas:
-
O FICBUEU 2021 avanza os contidos dunha programación que mira para Canadá
Por Redacción |
-
Nove curtametraxes, finalistas na Sección Escolas Galegas do FICBUEU 2021
Por Redacción |
-
O FICBUEU recupera a programación previa á pandemia
Por Redacción |
-
O actor Alfonso Agra recibirá o Premio Cinema Galego do FICBUEU 2021
Por Redacción |
-
Especialistas de Chile, Italia e Madrid avalían os filmes do FicBueu
Por Redacción |
-
Severiano Casalderrey presenta o primeiro Caderno FICBUEU na Casa das Campás
Por Isabel Feijóo Gallardo |
-
A coprodución franco-chinesa 'Fleur de pavot' gaña a Ánfora de Ouro no FICBUEU 2020
Por Redacción |