O festival Revenidas pon á venda as súas entradas
Por Redacción
O festival Revenidas, que se celebra en Vilaxoán os días 9, 10, 11 e 12 de setembro, pon á venda as súas entradas na súa web e a través das súas redes sociais para a que será a XVIII edición dun dos festivais máis potentes do verán galego.
O público pode mercar tanto os bonos para vivir a experiencia completa do festival, como as entradas diarias, o concerto especial de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre e facer a reserva previa para o concerto de balde de Guadi Galego e Banda da Loba.
O prezo do bono para as catro noites do festival será de 40 euros máis gastos de xestión. Con este bono, poderáse desfrutar dos grupos Tanxugueiras, Los Rastreadores, Verto, Laura Lamontagne & Picoamperio, Ciudad Jara, Los Chikos del Maíz, Talco Maskerade, A Rabela, Boyanka Kostova, Zoo, Mounqup e Monoulious Dop.
Para asistir ao concerto de Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre o domingo ao mediodía, haberá que pagar un suplemento de 10 euros máis gastos de xestión. Haberá unha cifra limitada de bonos para menores de 12 anos que terá un prezo de 20 euros máis gastos de xestión.
En canto ás entradas diarias, sairán á venda cun prezo de 20 euros máis gastos de xestión. A entrada para o concerto especial de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre ten un prezo de 16 euros máis gastos de xestión, os menores de 12 anos pagarán 10 euros por día máis gastos de xestión. Por outra banda, para acceder ao concerto de balde de Guadi Galego e Banda da Loba o sábado, hai que facer reserva previa a través da plataforma.
Aquelas persoas que conserven a entrada da edición de 2020 recibirán un mail da plataforma de venda de entradas o mércores día 14, a través do cal poderán seleccionar a súa ubicación dentro do recinto do festival e incluso confirmar se desexan asistir dos concertos matinais do sábado e o domingo.
Dende a organización do Revenidas, informan de que pola normativa Covid-19, o recinto estará divido en dous sectores: O primeiro máis próximo ao escenario e o segundo máis lonxano. Haberá cadeiras distribuidas en grupos de convivencia e individuais, tendo os dous sectores entradas, saídas, servizos de comida, bebida e sanitarios totalmente independentes.
Apuntan que, se as condicións normativas mudan, estas pautas poderían cambiar. Nesta edición non haberá zona de acampada.
Tamén informan de que as entradas serán nominais por temas de trazabilidade sanitaria e o aforo moi reducido. "É polo tanto importante que todas aquelas persoas que queiran desfrutar do Revenidas'21 merquen a súa entrada decontado", rematan.
Relacionadas:
-
Visitas guiadas, música e espectáculos para toda a familia centran o programa paralelo do Revenidas
Por Redacción |
-
O Festival Revenidas recupera os seus 'Concertos a bordo' con seis grupos musicais surcando a ría de Arousa
Por Redacción |
-
Tanxugueiras, Verto, Boyanka Kostova, Guadi Galego e Los Rastreadores dan lustre ao cartel do Revenidas
Por Redacción |
-
As Rías Baixas recuperan os seus festivais
Por Manu Otero |
-
O festival Revenidas celebrarase do 9 ao 12 de setembro en Vilaxoán
Por Redacción |