Un domingo de gran afluencia para pechar tres días de festa literaria
Por Cristina Saiz & Redacción
A carpa da praza da Ferraría tivo este domingo unha elevada afluencia de público desde primeira hora da mañá, confirmando o éxito de participación da cuarta Festa dos Libros de Pontevedra un ano máis e poñendo un broche de ouro á edición 2021.
Durante toda a xornada pasaron pola carpa da praza da Ferrería para asinar exemplares nos postos das librarías Rena Ortega, Rober H.L. Cagiao, Paula Mayor, Pilar García Rego, Hortensia Bautista e Aurora Quinteiro, Fon, Leoncio Feijoo, Victoria García e Laura Cortés, Tándem Seceda, JM. Enríquez, Eva Mejuto e Bea Gregores, Pedro Feijoo, Alejandro Palomas, Ismael Ramos, Lorena Conde, Kiko da Silva, Arantza Portabales, David Pintos, Manel Loureiro, Álvaro José Amoedo Fernández, Nee Barros e Diego Ameixeiras.
O programa de actividades levou ata a carpa a público de todas as idades. Pola mañá foron, sobre todo, familias, que non quixeron perder a presentación de Bo Camiño, peregrino! (Edicións do Cumio), o terceiro álbum ilustrado de Rena Ortega, cheo de cor, divertidos personaxes e dedicado ao Camiño de Santiago.
Tamén houbo oco para a poesía, coa mesa 'Palabras que latexan', na que Alejandro Palomas, Premio Nadal e Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, falou sobre Una flor (Letraversal), Pilar García Rego presentou Humanario (Editorial Galaxia) e Lorena Conde, As puntas da louza (Aira Editorial).
Non faltou a figura de Xela Arias, homenaxeada este ano coas Letras Galegas 2021, cun faladoiro con Yolanda Castaño e Xela quixo ser ela (Xerais); e Laura Romero con Xela Arias. Palabra á intemperie (Bahía Edicións), así como o editor Xulián Maure e o fillo da poeta, Darío Gil.
A novela negra estivo representada por Diego Ameixeiras con La noche del Caimán (Fondo de Cultura Económica, tradución ao castelán de A noite enriba, de Xerais), Pedro Feijoo con Un lume azul (Xerais), Manel Loureiro con La puerta (Planeta) e Arantza Portabales con A vida secreta de Úrsula Bas (Editorial Galaxia).
Para pechar tres días de eventos, chegou o espectáculo 'Idioma da tinta', coa voz da poeta Yolanda Castaño e as composicións orixinais de Isaac Garabatos.
Relacionadas:
-
RADIO.- Silvia Rodríguez Coladas presenta 'Bosquesanto', unha novela negra aderezada con moita retranca
Por Redacción |
-
RADIO.- Unha novela negra ao redor dun feito real: a misteriosa morte da actriz Sandra Mozarowsky
Por Marisa Ciordia |
-
A Festa dos Libros pechará o pano este domingo despois de dous días cheos de cultura
Por Redacción |
-
Pontevedra presume do seu 'ADN literario' co regreso da Festa dos Libros
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Najat el Hachmi, premio Nadal 2021, estrela invitada na Festa dos Libros que comeza o venres
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |