Nelson Quinteiro porá o broche de ouro musical ás Festas de San Xoán
Por Redacción
O parque da Seca acollerá este domingo, a partir das nove da noite, o concerto de Nelson Quinteiro, a actuación que porá o broche de ouro musical ás Festas de San Xoán en Poio.
A entrada é libre ata completar aforo e os asistentes recibirán como agasallo unha copia do disco Músicas de Domingo, o último traballo discográfico de Quinteiro con Brais González.
O concerto será un espectáculo multidisciplinar en ton festivo con música en directo, danza e performance coa banda que acompaña a Nelson Quinteiro.
Son Álvaro Cardalda (acordeón), Iago Prieto (gaita), Xan Pérez (batería tradicional) e Nelson Quinteiro (voz, ukelele, percusión e pedais de loops) e os bailaríns Iván Villar (Nova Galega de Danza, Entrecaixas), Laura Casas e María Cordeiro.
Como artistas invitados desfilarán persoeiros como o pianista Brais González (Caspervek Trío) ou Juan José Mariño Viñas (Escola de acordeóns de Campelo).
Colaborarán ademais os cantareiros da Asociación Cultural Máis Cantos, que formarán parte do público con momentos de grande protagonismo e que asistirán coa súa habitual caracterización de roupas brancas con adornos florais para festexar o San Xoán.
O espectáculo, tomando como base algúns dos temas máis emblemáticos da discografía do artista, terá unha temática especial sobre o San Xoán e todo os elementos máxicos e simbólicos que xiran arredor desta festa: o lume, as herbas de San Xoán ou o bautismo ritual.
Nelson Quinteiro presentará durante o concerto un novo instrumento musical patentado por el e polo artesán David Lorenzo, o "Tradipau", un elemento percusivo e escénico inspirado no charrasco, ao que lle deron formas de símbolos ancestrais e que serve para crear percusións e realizar vistosas e suxestivas coreografías e actuar tamén como elemento escenográfico.