Belas Artes preséntase no Salón Brand New con tres traballos nacidos no confinamento
Por Redacción
O madrileño Salón Brand New acollerá, do 7 de xullo ao 5 de setembro, unha mostra colectiva que reunirá no Centro Cultural Conde Duque as creacións de 30 artistas formados en dez universidades españolas, como as egresadas da Facultade de Belas Artes Cristina Chiarroni, Emma Diarte e Manuel Lema.
Os seus traballos de fin de grao, que desenvolveron o pasado curso nun contexto de confinamento e suspensión da actividade docente presencial, foron seleccionados para a mostra organizada por Atelier Soler e Concreto Comunicación.
En declaracións ao Diario da Universidade de Vigo, Diarte sinala que "unha exposición destas características é unha moi boa oportunidade para dar a coñecer a miña obra, tanto a nivel nacional como internacional". O seu traballo de fin de grao é un mural realizado con 576 paquetes de tabaco.
Pola súa banda, Chiarroni comenta que "será moi enriquecedor coñecer o que fan outros artistas novos ao longo do territorio español". Ela presentará unha obra centrada na idea de refuxio, trátase dunha instalación composta por varias esculturas de cerámica e por dúas "videoperformances".
E finalmente, Manuel Lema, un titulado con discapacidade auditiva, fixo un cómic no que dá a coñecer a realidade da comunidade xorda. "A verdade é que teño moitas ganas de ir porque é a primeira vez que ensino a miña obra e gustaríame ver como a recibe a xente", salienta.