Pontevedra, última parada da xira galega de Pumuky: este sábado en Sala Karma con La Casa de los Ingleses
Por Alejandro Espiño
Pumuky foise convertendo, paso a paso, nunha desas "pequenas grandes bandas" na escena musical independente española. Seus son algúns dos álbumes de pop máis recoñecidos dos últimos anos. Pumuky y el eterno femenino (Dedicatessen, Club do Single) é o último deles. Con el debaixo do brazo inicia unha minixira galega que os levará a Santiago, Vigo e Pontevedra. Este último será o sábado 12 de outubro, ás 22.30 horas, en Sala Karma.
A banda tinerfeña, aplaudida unánimemente pola crítica especializada, está liderada polos irmáns Jaír e Noé Ramírez. Na actualidade completan a formación Adán Zeus Gutiérrez, Daniel Benavides e José A. López. A súa base de seguidores non deixou de crecer desde os seus inicios en 2003. Déronse a coñecer cunha demo que foi elixida mellor maqueta do ano en Disco Grande (Radio 3), referendo que serviu de trampolín a bandas como Lo Planetas.
A principios de 2006 chegou o seu debut discográfico con De viaje al país de las tormentas (Discos Fup / Elefant Records), ao que lle seguiu o EP Los exploradores perdidos (Lejos Discos). Ficharon polo selo Jabalina e en 2009 publicaron El bosque en llamas e a principios de 2011 volveron á carga cun vinilo inspirado en lendas aborxgenes das illas Canarias e con Plus ultra, o seu terceiro longa duración. Foi o seu último traballo ata que en xaneiro de 2013 chegou un EP titulado Pumuky y el eterno femenino.
En cada un dos seus concertos en Galicia, Pumuky estará acompañado dun teloneiro diferente. No caso de Sala Karma, actuarán La Casa de los Ingleses. O grupo pontevedrés, compón as súas letras en castelán e inspírase principalmente na música chamada "independente" desde os 90 ata hoxe. Está composto por Ángel Rodríguez (guitarra e voz), Carlos Grangel (batería), Carlos García (baixo e coros) e Xavier Isasi (guitarra e coros).
As entradas para este concerto teñen un prezo de seis euros (anticipada) e nove euros (na billeteira). Pódense adquirir en Pequeño Karma e www.ticketea.com.