A Banda de Música de Vilaboa continúa a súa xira por parroquias cun concerto en San Adrián de Cobres

Por Redacción
Pasodobres galegos, xotas ou temas pertencentes a musicais clásicos conforman o repertorio da Banda de Música de Vilaboa, unha agrupación formada por músicos que realizan os seus estudos na Escola de Música deste municipio.
Esta ano iniciaron unha xira polas parroquias do municipio. Se o día 5 deste mes, actuaban en Postemirón abrindo este ciclo, este martes tócalle a quenda á parroquia de San Adrián de Cobres. O concerto está previsto para as 11.45 horas no adro da igrexa con entrada gratuíta.
Ao longo deste mes de xuño e de xullo, a Banda realizará catro concertos máis. O 24 de xuño será en Paredes, o 11 de xullo en Figueirido, Santa Cristina de Cobres recibirá á agrupación o 24 de xullo e a xira pecharase o 31 dese mes en Bértola.
Ademais, desde o 14 ata o 17 deste mes de xuño, é posible ver a través da canle de Youtube da Escola de Música as audicións de fin de curso dos intérpretes que forman parte deste centro de aprendizaxe.
Para aquelas persoas que queiran matricularse como novo alumnado para a Escola teñen a oportunidade de matricularse entre o 16 e o 30 de xuño a través dos correos: escolademusicavilaboa@gmail.com ou esmu.vilaboa@edu.xunta.gal