Carlos Callón presenta en Pontevedra o seu último libro, unha obra para reducir o número de 'galegocalantes'
Por Redacción
O Centro de Interpretación das Torres Arcebispais acolleu este venres a presentación do último libro do presidente da Mesa pola Normalización, Carlos Callón. A obra, Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, ven precedida dunha "moi boa acollida do público", pois en menos dun ano está xa na súa cuarta edición, "algo máis rechamante no actual momento de estafa económica e crise editorial".
Para o autor, este éxito non só amosa que "este libro pasa a cubrir un oco que existía no mercado, dunha obra que traballase a mellora da nosa calidade lingüística cun punto de vista desenfadado", senón que, "o máis importante para min, é outra proba de que hai unha parte significativa da sociedade galega que baixo ningún punto de vista quere que se perda o noso único idioma propio".
A través de anécdotas e pequenos contos, Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez ofrece "trucos e consellos para darmos o paso de usar a lingua galega de xeito máis vivo, máis cómodo e máis xenuíno". Traballa para iso "cos prexuízos e mesmo cos medos aprendidos", pois "os problemas con que nos encontramos moitas veces non son de orixe gramatical, senón social".
Por iso, sinala Carlos Callón, esta é unha obra "pensada para que sexa útil para un público diverso, desde persoas que queren comezar a falar galego até estudantes de calquera nivel ou persoas que desexen melloralo".
O autor, ademais presidir A Mesa, é profesor de Lingua e literatura galega. Ademais doutras obras, publicou os ensaios sobre sociolingüística En castellano no hay problema (Xerais, 2010) e Como defender os teus dereitos lingüísticos (Xerais, 2011). Polo seu labor como escritor gañou, entre outros, os premios Vicente Risco de Ensaio, Redelibros de Ensaio, Fervenzas Literarias de Ensaio, Fernández del Riego de Poesía, Concello de Ames de Poesía, Concello de Carballo de Xornalismo e Lauro Olmo de Teatro.