A Deputación recupera este xoves o espectáculo 'X Xela' para celebrar as Letras Galegas
Por Redacción
Tras cancelar pola chuvia imprevista o pasado 14 de maio, o exterior do Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra será este xoves día 3 ás 20.30 horas o escenario do espectáculo 'X Xela'.
Trátase dun evento multidisciplinar organizado polo departamento de Língua co gallo das Letras Galegas dentro dunha programación que continuará todo o ano baixo o lema '365 días en galego'.
'X Xela' é dun espectáculo multidisciplinar no que todo tratará en torno a obra da autora misturando tres formatos (música, poesía e fotografía).
"Será un show dinámico, atractivo e 100% feminino para homenaxear a unha poeta tan singular", apunta a deputada María Ortega, que subliña que a asistencia é gratuíta, podendo reservar as prazas que quedaron libres tras o cambio de data a través do formulario existente en www.depo.gal.
A parte musical do evento correrá a cargo da Banda da Loba, unha formación galega que está a revolucionar a música galega coa mestura de música e literatura, que musicará poemas de Xela Arias dende formatos máis tenros ata o punk rock pasando polo country ou o bolero. A parte de fotografía tómase das imaxes de Xulio Gil, viúvo da homenaxeada e Premio da Crítica Galega con máis de corenta anos de traxectoria.
A parte poética de 'X Xela', comisariada por Tamara Andrés, contará con catro poetas que representan, comparten a forza e a linguaxe poética da homenaxeada: "Helena Salgueiro, que ten a poesía incrustada no corpo; Estíbaliz Espinosa, unha poeta cos pés na terra, a ollada no ceo e a lingua e o corazón cheos de curiosidade; e Nuria Vil e Vanessa Glemsel, que teñen o proxecto 'Dúas gamberras e un micro', que son rebeldes e denunciadoras de desequilibrios e lanzan frases coma frechas. O espírito de Xela estará moi presente", subliña a comisaria.
Relacionadas:
-
Poesía, fotos e música con Xela Arias como protagonista para reivindicar o galego
Por Redacción |
-
A Banda da Loba e catro poetas reivindicativas homenaxean a Xela Arias este xoves na Ferrería
Por Anxo Lourido |
-
Inaugurada a exposición 'Aquela Nena de Sarria' sobre Xela Arias na Biblioteca de Vilagarcía
Por Redacción |
-
Música e poesía 'X Xela' para conmemorar o Día das Letras Galegas en Pontevedra
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Marín conmemora a lingua galega e a Xela Arias a través da capacidade literaria dous seus escolares
Por Redacción |
-
A chuvia frustra a homenaxe a Xela Arias en Montero Ríos
Por Redacción |