Homenaxe en lembranza do tamborileiro Manuel Castro
Por Redacción
Manuel Castro foi un tamborileiro, veciño da parroquia de Cerponzós, que formou parte do grupo Aires d'a Terra. Esta fin de semana, este músico tradicional recibía unha sentida homenaxe na súa terra natal.
O evento desenvolvíase no Centro Social de Cerponzóns con varias actividades entre as que destaca o concerto de música tradicional a cargo da agrupación pontevedresa Os de Algures. Ademais, o secretario da asociación veciñal O Chedeiro da parroquia, Juan José Esperón Recarey, ofrecía unha conferencia sobre a figura de Manuel Castro.
Por último, o acto finalizaba coa mostra do vestiario empregado polo grupo Aires d'a Terra, creado por Perfecto Feijoo Poncet e que se converteu no primeiro coro de Galicia con voces e instrumentos tradicionais. Esta mostra foi organizada pola asociación Sete Espadelas.
Castro formou parte deste colectivo durante máis de doce anos e era o único labrego que integraba Aires d'a Terra xa que a maioría dos seus integrantes eran cidadáns da alta sociedade pontevedresa.
A homenaxe contou coa colaboración da Deputación de Pontevedra e do Concello.