Passau e Pontevedra, unha relación artística de dúas décadas que se fai visible no Granero Delmas
Por Redacción
Baixo o título 'Galicia-Baviera no Granero Delmas', este venres 28 de maio inaugúrase ás 17.00 horas unha mostra que ofrece un percorrido na relación entre Passau e Pontevedra e que se remonta máis aló de vinte anos.
Recentemente realizáronse tres exposicións: Museo do Pobo Galego en Santiago, no Castelo de Neuburg en Passau e no Museo Torres e no Ateneo Santa Cecilia de Marín, que recollían a relación entre artistas galegos e alemáns. Agora pode verse este intercambio creativo en Pontevedra.
Ao longo da sala situada nas Galerías da Oliva vai recollerse a profunda amizade entre artistas que compartiron experiencias e colaboraron en ambos os territorios a través da organización de mostras e de estancias residenciais.
No Granero Delmas poderanse ver fotografías de Manuel Hermida Rivas, un creador de imaxes natural de Xeve, que se move entre a costa e a montaña deixando instantáneas de espazos tan íntimos como a praia de Bascuas. Tamén a artista de Passau, Ilona Maier, que estudou varios cursos na Facultade de Belas Artes de Pontevedra ofrece as súas características colaxes de imaxes nesta mostra.
Gerhard Mader, autodidacta, que vive e traballa en Passau achega unha impresión láser en coiro, mentres que Marcelo Léonard Rodríguez, diplomado en Ciencias Náuticas e fotógrafo profesional presenta unha notable evolución cara á fotografía de paisaxe.
Hubert Huber, residente en Fürstenzell e Passau, xoga coa imaxe do triángulo nas súas composicións. Miguel Pereira, pola súa banda, ofrece un traballo da súa longa traxectoria artística que se iniciou nos anos 90, con máis dun centenar de exposicións. Enrique Velasco Viéitez, formado na Escola de Canteiría de Pontevedra, tamén conta cun importante percorrido internacional que lle levou a expoñer, entre outros espazos, en Francia, Portugal, Republica Checa, Viena, Milan, New York e Passau. Por último, Helga Mader, outra artista autodidacta que vive e traballa en Passau, móstrase como unha creadora que sempre busca novas técnicas e utiliza todos aqueles elementos que atopa necesarios para os seus propios deseños artísticos.
As visitas ao Granero Delmas están limitadas a unha capacidade de seis persoas por tramos de media hora. Para apuntarse é necesario contactar coa galería a través do teléfono 619.432.721.