Teatro en inglés para toda a familia, The Beauty and the Beast, The musical
Por Redacción
Divertirse e aprender. Converterse en actor e practicar inglés. E todo nunha soa tarde. Esta é a aposta da compañía You Are the Story, especializada en teatro didáctico en inglés para nenos, mozos e agora tamén para toda a familia. Un novo concepto de ocio que pasa por gozar dunha obra de teatro, integramente en inglés, practicar, entender e ademais divertirse coas cancións do musical e mesmo... ser por unha tarde actor. A combinación perfecta para gozar dunha tarde de sábado no Centro Social de Novacaixagalicia de Pontevedra.
The Beauty and the Beast, the musical é un clásico renovado que pon seis personaxes en escena con só dous actores. Con esta premisa podemos adiviñar que algún dos máis pequenos do público quizais sexa un personaxe. Que non se estenda o pánico. Os actores, expertos condutores deste tipo de teatro educativo guiarán á perfección os improvisados personaxes. Actores nativos que se adaptan perfectamente ao público da sala. Unha proposta que xa gozaron máis de 50.000 persoas no Teatro Marabillas de Madrid durante a tempada pasada.
A historia vivímola dende o punto de vista de Bestia, 200 anos despois de recibir o feitizo que o transformou. Namorado de Bella, desexa por todos os medios romper esa maldición. Música, humor interacción e moitas sorpresas.
Este musical está programado para o próximo 26 de outubro, ás 18:00 horas, no Centro Social Novacaixagalicia de Pontevedra. As entradas están á venda con prezos dende os 10 euros.