Poesía, xornalismo e creación literaria para conmemorar as Letras Galegas en Poio
Por Redacción
O Centro Cultural Xaime Illa converteuse este luns no epicentro da conmemoración do Día das Letras Galegas en Poio, unha celebración marcada polas restricións e coa capacidade reducida para evitar a expansión da covid-19.
A programación xa comezara o domingo co espectáculo de Raquel Queizás, narradora oral que a través do seu contacontos fixo gozar á poboación máis nova de Poio e logrou encher todas as prazas dispoñibles.
Este luns, a xornada estivo centrada pola mañá, ás 12.00 horas, no faladoiro 'Poesía e xornalismo desde o galego', con Tamara Andrés e Susana Pedreira, xornalista de Onda Cero Pontevedra.
Xa pola tarde, a partir das 17.30 horas, celebrouse o acto de entrega de premios do Concurso Literario Xaime Illa Couto, coa participación de Sementes de Liberdade do IES Poio, o Dúo de Cámara Xarima e a Escola de Música Tradicional de Poio.