Xandra Táboas e Adrián Mosquera gañan o Premio Johán Carballeira de poesía
Por Redacción
'Dou clases de ioga por videoconferencia' é a obra colectiva, presentada por Xandra Táboas e Adrián Mosquera, gañadora do XXIV Premio Johán Carballeira de poesía, que convoca o Concello de Bueu.
Nesta edición presentáronse cincuenta obras e o xurado destacou deste traballo que esta proposta explora o tempo actual desde unha perspectiva situada na liña da poesía experimental, na que destacan elementos iconoclastas, en clave irónica, cun diálogo fresco e diferente.
O premio contempla a entrega de 1.500 euros e a publicación na colección de poesía da editorial Xerais. Este certame xurdiu en homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués José Gómez de la Cueva, coñecido popularmente como Johán Carballeira, que chegou a ser alcalde de Bueu ata que foi asasinado polos franquistas.
Marta Veiga converteuse tamén nesta edición na gañadora da categoría de xornalismo pola súa reportaxe 'Cantigas para despois dunha pandemia'. Este galardón foi gañado en edicións anteriores por xornalistas tan destacados como María Obelleiro, Montse Dopico, Antón López ou Moncho Paz.
Pola súa banda, en poesía, lograron o premio María Reimóndez, Marcos Abalde, Xosé Carlos Caneiro ou Yolanda Castaño, entre outros notables autores.