Collages para coñecer a poesía de Xela Arias no IES de Poio
Por Redacción
O IES de Poio xa empezou a conmemorar o Día das Letras Galegas, que este 17 de maio está adicado a Xela Arias. Un total de 90 alumnos e alumnas de primeiro curso de ESO participaron no obradoiro 'Xela Arias e a poesía expandida’.
A artista multidisciplinar Neves Seara foi a encargada da actividade, que organiza a Concellería de Cultura e Educación.
As sesións de traballo dividíronse en grupos de 15 estudantes, cumprindo con todas as medidas marcadas pola situación sanitaria e, seguindo as instrucións e pautas dadas por Seara, o alumnado elaborou creacións ‘collages’ e creacións propias, baseándose nunha das obras da escritora lucense, Poema a Darío.
A través destes deseños, o alumnado participante no obradoiro achegou as súas iniciativas para dar vida a composicións que dotan á obra dun novo ritmo. Estes deseños serán expostos proximamente no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó.
A actividade incentiva a súa creatividade, dá a coñecer o labor de Xela Arias entre a rapazada e trata de achegar á mocidade, dun xeito amable, lixeiro e creativo, os pormenores da obra de Xela Arias, que destaca pola súa complexidade e por ser moi prolífica e intensa.