'Desbordamentos', unha publicación para por en valor ao alumnado de Belas Artes
Por Redacción
Seis artistas formados na Facultade de Belas Artes do campus de Pontevedra protagonizan a publicación Desbordamentos, que busca por en valor a traxectoria dos egresados e egresadas deste centro educativo.
Editada en risografía e dentro do selo Error es Bien, recolle as entrevistas, inicialmente publicadas na web do centro, a Alba Fandiño, David Fidalgo, Julia Huete, Joseba Murazábal, Óscar Raña e Mar Ramón Soriano, xunto cun texto do profesor Juan Carlos Román.
A publicación recolle entrevistas a seis antigos alumnos e é a primeira entrega da serie En tránsito, que irá recollendo en diferentes volumes entrevistas a titulados e tituladas realizadas pola tamén ex alumna e xestora cultural Sara Donoso, responsable da web e das redes sociais da facultade.
Estas publicacións, segundo explica Donoso ao DUVI da Universidade de Vigo, buscan "dar visibilidade ao que están a facer" os artistas formados na facultade e amosar ao actual alumnado "que hai vida despois das aulas".
A serie En tránsito propón reunir, en diferentes publicacións, entrevistas en profundidade a diferentes egresados e egresadas. Nelas, vaise afondar na súa traxectoria, e tamén noutra serie de cuestións "como que lles influíu da súa etapa na facultade e como a súa época de estudantes marcou a súa traxectoria" ou a súa visión do "contexto artístico actual".
Con deseño, maquetación e ilustracións do alumno Abraham Alonso, Desbordamentos terá como continuidade unha publicación centrada en artistas pictóricos cun texto da profesora Almudena Fernández Fariña.