'Dígocho a ti', a versión infantil do 'Dígocho eu' para aprender galego
Por Redacción
A falta de materiais educativos dixitais en galego, docentes do colexio Sagrado Corazón de Placeres decidiron tomar como referencia os vídeos de 'Dígocho eu', da Televisión de Galicia, que se converteu nun fenómeno en redes sociais. Se nesta proposta, Esther Estévez ensina terminoloxía da lingua galega; na proposta desenvolvida no centro escolar o alumnado de infantil, primaria e secundaria convértese en protagonista da súa propia aprendizaxe.
Os estudantes realizan vídeos en que analizan o vocabulario, normas ortográficas e gramáticas do idioma. Despois os vídeos publícanse na rede. O primeiro capítulo centrábase nas máis de cen palabras que se utilizan en Galicia para referirse á choiva ou aos fenómenos relacionados. Neste caso os protagonistas eran estudantes de infantil e primaria, os de secundaria realizaron unha segunda entrega sobre cuestións meteorolóxicas.
Este martes, desenvolvíase unha conferencia na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, segundo informa o DUVI, coa participación de Ana Sande e Josecho de la Torre para explicar este proxecto que se desenvolverá coa publicación dun novo capítulo cada tres ou catro semanas con diferentes contidos. Segundo explicaron os seus promotores, con esta idea queren fomentar entre o alumnado o respecto pola propia lingua e existe a pretensión dentro do centro de trasladar a mesma fórmula a outras materias educativas.