A Festa dos Maios sairá á rúa en versión fotográfica e cun obradoiro explicativo
Por Redacción
A celebración da Festa dos Maios de Pontevedra volve sufrir os efectos da pandemia e por este motivo non poderá celebrarse como nos anos precedentes á aparición da covid-19. Xa en 2020, a festa desenvolvíase a través do formato dixital debido ao confinamento.
Para este 2021, a concellería de Festas que dirixe Carme da Silva decidiu realizar actividades na rúa pero sen recuperar o acto principal na Ferrería xa que a actual situación de restricións impide aos escolares e ás asociacións reunirse masivamente para crear os maios nin para ensaiar as coplas.
Por unha banda, está prevista unha exposición fotográfica en diversos escaparates de establecementos comerciais. Estas 44 imaxes realizadas por Xosé Carlos Morgade desde o ano 1991 ata 2019 sobre a festa coas propostas de diversos colexios e asociacións poderanse ver ata o 29 maio en locais comerciais do centro da cidade.
OBRADOIRO SOBRE CREACIÓN DE MAIOS
A partir das 19.00 horas deste mércores vai levarse a cabo un obradoiro a cargo da Asociación Cultural e Deportiva Campañó no que se ensinará como se realiza a estrutura dun maio con todos os seus adornos e elementos.
Será na praza da Ferrería e a actividade desenvolverase ata o venres, respectando todas as medidas de seguridade sanitaria e acoutando en cuadrículas a praza para que se poidan seguir as explicacións.
Despois, durante o sábado 1 e o domingo 2 de maio, o maio creado quedará exposto na praza.