Xa está aquí o Salón do Libro: "Non hai virus que poida coa forza da palabra"
Case tres semanas por diante de diversión e, sobre todo, moita lectura. É o que promete ofrecer o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, cuxa edición número 22 arrancou cun espectáculo inaugural, para un aforo reducido, no auditorio do Pazo da Cultura.
Atrasado a abril pola pandemia da covid-19, o Salón do Libro desenvolverá unha intensa programación, tanto presencial como por streaming, ata o próximo 9 de maio. Farao co cambio climático como fío condutor e con todo o planeta como 'país invitado'.
A edil de Cultura, Carmen Fouces, destacou que a organización era "consciente" de que o público pontevedrés "tiña ganas do Salón", tras ter que suspender a edición anterior. "É un pracer ver por fin colas de xente agardando", sinalou.
Será, iso si, unha edición con "pequenos cambios" como a necesidade de reserva de entradas ou a novidade de levar as actividades tamén ao exterior do Recinto Feiral, en concreto á Illa das Esculturas, aínda que dependendo das previsións meteorolóxicas.
O espectáculo inaugural, dirixido por Marcelo Dobode e presentado por Mariña Paz, contou coas actuacións do coro da Xunqueira I e a Xingro's Big Band e estivo inspirado no Mago de Oz, contando para iso coa colaboración das actrices Silvia Martín e Lucía Franco.
Ademais, o Salón do Libro rendeu unha homenaxe a Luz Gallego, da Librería Seijas, á que se lle agradeceu os seus 40 anos recomendando libros. "Nenuca", como todo o mundo a coñece, foi sempre una das grandes colaboradoras deste evento cultural.
O encargado de pechar este acto foi o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que afirmou que "non hai virus que poida coa forza da palabra lida, narrada, escoitada ou ilustrada" e destacou que "se algo puidemos aprender neste ano é que necesitamos, máis ca nunca, unha cultura que sirva para compartir experiencias, soños e arelas".
A programación do Salón do Libro Infantil e Xuvenil pódese consultar nesta ligazón.
Relacionadas:
-
Reactivación cultural con cautela
Por Mónica Patxot & Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Longa vida á librería Seijas
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
O Salón do Libro homenaxea a Helena Villar Janeiro e Kiko da Silva, defensores da creatividade en galego
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
"A auténtica vida salvaxe", a banda clandestina de troula no Salón do Libro
Por Cristina Saiz |
-
Un sábado para pasalo en grande no Salón do Libro
Por Cristina Saiz |
-
Pontevedra tiña ganas de Salón do Libro
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Baobab Teatro estrea "Ás para Álex", o seu novo espectáculo, no Salón do Libro
Por Redacción |
-
A Orbil Parade anuncia que o Salón do Libro xa está aquí
Por Redacción |
-
Toda a programación do Salón do Libro será de balde nunha edición que combina actividades presenciais e en liña
Por Redacción |
-
O Salón do Libro, entre as mellores iniciativas culturais de Galicia do ano 2020
Por Isabel Feijóo Gallardo |