Agasallo de publicacións sobre arte para celebrar o Día do Libro no Museo de Pontevedra
Por Redacción
Con motivo da celebración este venres 23 de abril do Día Internacional do Libro, o Museo de Pontevedra premia ás persoas visitantes coa entrega de varias publicacións relacionadas coa arte en xeral e, en particular, coas coleccións da institución provincial. Os libros poderán levarse a casa como agasallo coa idea de promover a lectura sobre obras artísticas, segundo indican desde a Deputación de Pontevedra.
A intención é divulgar catálogos, pezas de investigación e outros traballos do material museístico. Só se permitirá que cada persoa leve un destes agasallos. Cada libro, gardado nunha bolsa de promoción, atoparase próximo a unha peza de arte coa que se atope relacionado o contido.
Ademais desta proposta, outro servizo pertencente á Deputación Provincial tamén realizará a través do portal web AtoPO o acceso en liña á versión PDF dos 82 títulos publicados ata o momento referentes ao patrimonio documental provincial.
Estes inventarios, elaborados polo traballo de asistencia técnica que se desenvolve desde o ano 1980, estaban dispoñibles na biblioteca da Deputación en modalidade de préstamo en formato físico. Agora, coa súa dixitalización, permanecen dispoñibles a través dos correspondentes rexistros bibliográficos de AtoPO nos que se inclúe unha ligazón á actualización do correspondente inventario superficial, ademais de conter os datos de cada publicación e do descargable. Este material permite achegarse á realidade documental da provincia no seu conxunto e de cada un dos municipios.
Xa por último, a Editorial da Deputación de Pontevedra tamén quere celebrar esta data conmemorativa convidando a consultar na biblioteca do Arquivo o catálogo con case 800 títulos propios de narrativa, poesía, arte, natureza, investigación, ensaio, arquitectura, historia, fotografía, etnografía, xeografía, entre outros temas.