Un libro recupera a figura de Barriga Verde, o titiriteiro máis famoso do século XX en Galicia
Por Alejandro Espiño
José Silvent Martínez foi un dos titiriteiros máis famosos de Galicia no século XX. Aínda que polo seu nome, quizá moitos non o coñezan. Fíxose popular baixo o pseudónimo de Barriga Verde. Estremeño de nacemento, pero galego de adopción, estivo moi unido á parroquia de Lérez, á que chegou con apenas 20 anos. Agora, un libro escrito por Xaime Iglesias e no que colabora a Asociación Cedofeita e o Concello de Pontevedra, recorda a súa figura.
O libro, cuxo título é José Silvent Martínez, o mítico Barriga Verde, será presentado o vindeiro martes 1 de outubro ás 20.00 horas na Casa das Campás. Nel nárrase a historia deste mítico artista que percorreu toda Galicia coa súa barraca de títeres e os seus espectáculos na primeira metade do século pasado. "Foi sen dúbida o mellor no seu e co valor engadido de que non era galego e facía os seus espectáculos en galego", sinalou Xaime Iglesias.
E todo iso nunha época na que os titiriteiros "eran xente despreciada por depravados e mala xente". Pero segundo o autor do libro, Barriga Verde "foi un mito tanto a para o público como para o resto dos titiriteiros", principalmente porque "manexaba moi ben os bonecos e facíalles as voces cunha palleta e porque os seus eran espectáculos humildes e estaban acompañados por varietés e números de circo".
O seu gran éxito foi, explicou Iglesias, crear un boneco ao que deu o nome de Barriga Verde. Foi tan popular que acabou sendo coñecido por ese sobrenome. E actuar en galego "fixo que se aproximase moito á xente", algo que fixo, dixo, "de xeito natural, non foi premeditado, foi un compromiso coa terra que o adoptou". Con el logrou que Galicia fose incluída no circuíto do títere europeo, relacionada coa comedia de arte italiana.
Contaba co favor do público e iso permitiulle "certa independencia" con respecto á censura, coa que non tivo problemas "porque procuraba levarse ben cos curas, os alcaldes ou os gardas civís, que lle asinaban certificados de boa conduta", malia que os seus espectáculos eran algo irreverentes. "Era moi hábil, todos os rótulos os tiña en castelán e nunha esquina poñía que era un espectáculo culto e moral", explicou Iglesias.
Para máis detalles sobre o libro, Xaime Iglesias empraza á súa presentación. Iso si, aclara que se trata dun traballo realizado "con moito agarimo, pero sen fuxir do rigor" e que as súas fontes de información foron documentos familiares, restos que se conservan das barracas e o seu atrezzo, discos e bonecos, referencias en xornais escritos e á información oral facilitada por persoas que presenciaron os seus espectáculos.