Primeiro concerto do ano para Óscar Ibáñez & Tribo
Por Redacción
Despois dun ano esperando, a reinauguración da Capital da Cultura do Eixo Atlántico terá lugar o 19 de abril, ás 19 horas portuguesas, no Altice Forum Braga, e irá acompañada do concerto de "Canto D'Aqui convida Óscar Ibáñez & Tribo".
Será o primeiro concerto do ano para a formación musical pontevedresa tras o parón obrigado pola pandemia.
Nesta ocasión están a acompañar ao grupo portugués "Canto D'Aqui", que desde a súa fundación en Braga en 1984, dedicouse á recollida e divulgación de temas de música tradicional portuguesa, reinterpretándolos e dándolles novas sonoridades.
Ao evento asistirán autoridades locais e rexionais de Galicia e do Norte de Portugal e, a diferenza do ano anterior, só poderase acceder mediante invitación por motivos de seguridade, aínda que poderá seguirse por streaming.
A programación da Capital da Cultura deseñada para este ano polo Municipio de Braga, inclúe un conxunto de iniciativas que contan coa colaboración de axentes culturais dos municipios do Norte de Portugal e de Galicia así como da Xunta de Galicia.