'32m2', o confinamento en versión teatral chega ao Auditorio de Vilagarcía

Por Redacción
A comedia baseada nos días complicados que pasa unha parella durante o confinamento nun pequeno apartamento de 32 metros cadrados será a proposta teatral deste sábado 17 de abril no Auditorio de Vilagarcía. A función comeza ás 20.00 horas cunha capacidade máxima, polas normas sanitarias, limitada a 100 butacas.
'32 m2' é a versión escenificada do texto elaborado por Esther Carrodeguas e Xavier Castiñeiras a cargo da compañía Butacazero. Os protagonistas son os intérpretes Xurxo Cortázar e Nuria Guillón, que representan á parella formada por Xan e Mar, a parella que apenas conta con espazo para convivir durante as 24 horas do día.
As entradas pódense adquirir a través de ataquilla.com ou no teléfono 902.504.500. O prezo das entradas é de 5 euros, e 3 para maiores de 65 anos, novos e persoas desempregadas. A venda anticipada conleva custos por xestión das entradas. No caso de que non se esgoten de maneira anticipada, o público poderá adquirilas o día da función na billeteira do Auditorio a partir das 18.00 horas.
A venda das entradas realízase a través dun sistema de capacidade dinámica adaptándose ás distancias de seguridade. O sistema permite comprar billetes de maneira individual ou, en caso de ser conviventes, reservar ata un máximo de catro butacas xuntas.
Relacionadas:
-
Pontevedra reflexiona sobre o confinamento coa traxicomedia '32M2'
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
O actor pontevedrés Xurxo Cortázar volve a casa este mércores coa traxicomedia '32m2'
Por Isabel Feijóo Gallardo |
-
Dobre función de '32m2', traxicomedia sobre o confinamento, na Semana Santa pontevedresa
Por Redacción |