Daniel Minimalia, o primeiro galego en gañar un Premio Grammy Latino, é recibido na Deputación
Por Redacción
O músico Daniel Minimalia é o primeiro galego en recibir un Premio Grammy Latino polo seu disco "Terra", na categoría Mellor Álbum Instrumental.
Nado en Vitoria pero con fortes vencellos familiares en Ourense, declárase namorado das Rías Baixas, onde soe pasar tempadas na compaña da súa parella, a escritora Natalia Sanchidrán.
Precisamente Sanchidrán, quen ten experiencia presentando as súas obras en Pontevedra como a exitosa "Volando alto", foi a impulsora do encontro que este mércores mantiveron coa presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva.
"A cultura foi un elemento moi importante da acción desta Administración desde os inicios, na súa creación, e agora tamén. Consideramos que a cultura é un elemento transformador da sociedade necesario e imprescindible para crear sociedades de persoas que intentan ser felices", manifestaba la presidenta durante a visita á sede en Pontevedra da Deputación. Silva tamén aproveitou para felicitar ao músico por este premio que volve a poñer á cultura galega no mapa internacional.
A presidenta declarou a súa admiración polo traballo de Daniel Minimalia do que afirmou que "conságrase como un dos referentes mundiais da guitarra e a composición e está a axudarnos a visibilizar o talento do sur de Galicia; en Pontevedra e Ourense hay moito potencial". Un talento amosado nos cinco álbums que ten publicados, como lembraba Silva.
"Agradezo estar nunha cidade como Pontevedra que aposta pola cultura e quero compartir un anaco deste Latin Grammy con todo o sector da cultura que tan mal o ten pasado", apuntaba Daniel Minimalia.
Precisamente neste encontro tivo oportunidade de explicar os proxectos nos que está a traballar nestes tempos tan complicados para o sector cultural. A presidenta entregoulle como agasallo desde a institución provincial unha peza da artista viguesa Ana Tenorio, Premio Nacional de Artesanía 2018, titulada "Flor de Inverno" e inspirada nas camelias das Rías Baixas. A continuación, o músico asinou no Libro de Honra da Deputación.
Este Grammy es para mi madre gracias @LatinGRAMMYs pic.twitter.com/09bz40WlEU
— Daniel Minimalia (@danielminimalia) November 20, 2020