Tres palabras como base para crear un microrrelato en galego, proposta da Escola Oficial de Idiomas para o seu certame literario
Por Redacción
Este xoves 15 de abril ás 19.30 horas vai desenvolverse o undécimo 'Certame de Microrrelato en galego EOI de Pontevedra', que organiza a Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra (EOI), en colaboración co Concello de Pontevedra.
Este certame ten a particularidade de que se realiza de forma presencial e os participantes deberán elaborar a súa historia "in situ", unha vez que coñezan as tres palabras que se indicarán ao inicio do concurso.
A escritora Ledicia Costas, a xornalista Susana Pedreira e o poeta e contador de historias Lois Pérez serán as tres persoas encargadas de propoñer as palabras base para a elaboración do relato, que non poderá superar as 150 palabras e deberá realizarse nun máximo de 110 minutos.
Todas aquelas persoas maiores de 14 anos que o desexen poden participar, malia que non estean matriculadas na EOI, tal e como se recolle nas bases deste certame creativo.
O concurso vai realizarse tanto no salón de actos da EOI como no IES Valle Inclán de Pontevedra. Tamén se habilitan outras dúas sedes no IES Antón Losada Diéguez da Estrada e no IES RAmón MA Aller Ulloa de Lalín. Os asistentes deberán atender ás normas sanitarias.
O primeiro premio será de 200 euros para a compra de libros ou material audiovisual en galego. Tamén haberá premios de 150 e 100 euros, ademais da opción de dous accésits de 50 euros cada un.
A resolución do xurado publicarase a través das redes sociais da EOI ou, se o permite a situación sanitaria, nunha gala que se celebrará no mes de maio nas instalacións situadas na Xunqueira.