Un certame musical homenaxeará a Xela Arias no Día das Letras Galegas
Por Redacción
A homenaxe á poetisa Xela Arias polo Día das Letras Galegas de 2021 chega ata o mundo da música.
A concellería de Normalización Lingüística de Pontevedra impulsa un certame musical co obxectivo de difundir a obra da poetisa, con ata 1.750 euros en premios.
No concurso, bautizado como 'X Xela', poderán participar músicos e bandas pontevedresas de calquera xénero musical, ou que polo menos acrediten ter un compoñente de Pontevedra.
Os participantes deberán poñerlle música, con composicións orixinais, a un poema de Xela Arias, por suposto cun tema escrito en lingua galega.
Para inscribirse os grupos deberán remitir o tema composto en formato audio (MP3, MP4) xunto cos datos da banda, nome e compoñentes, datos de contacto e fotocopia do DNI ou volante de empadroamento de polo menos un dos compoñentes, ao correo alingualatexa@gmail.com. O prazo de presentación finaliza o día 7 de maio de 2021.
Entre as propostas recibidas o xurado, composta por profesionais do sector cultural, seleccionará aos finalistas e aos gañadores, con 1.000 euros de recompensa para o primeiro premio, 500 euros para o segundo e 250 euros para o terceiro.
O Concello ten previsto organizar un acto público multidisciplinar o Día das Letras Galegas no que entregará os premios e as bandas gañadoras interpretarán as súas composicións.
Relacionadas:
-
A Ferrería acollerá o 17 de maio un espectáculo poético e musical para enxalzar a figura de Xela Arias
Por Manu Otero |
-
Programa de actividades en lembranza de Xela Arias no campus de Pontevedra
Por Redacción |
-
Dúas exposicións e dous obradoiros na biblioteca para o Día das Letras Galegas de Xela Arias
Por Redacción |