Inauguran GranerO Delmas, un espazo de coworking para artistas nas Galerías Oliva
Por Redacción
Este sábado 10 inaugúrase o GranerO Delmas. Será a partir das 17.00 horas cun aforo limitado a un máximo de seis persoas, previa solicitude de cita, que irán accedendo por quendas para a este espazo creado nas Galerías Oliva 2.
Pilar Delmas Filgueira é a responsable desta iniciativa que ten como intención recuperar o impulso da arte, da creatividade e da cultura nun espazo céntrico da cidade. Por este motivo, o local configúrase como un coworking para a comunidade creativa, onde se poidan desenvolver proxectos artísticos e artesanais, ao mesmo tempo que se poden expoñer publicamente os traballos tanto de artistas consagrados como de principiantes.
O GranerO Delmas conta con espazo de oficina para empresas, talleres para artistas e unha zona para acoller eventos culturais coa intención de acoller actividades como coloquios, eventos culturais, obradoiros de pintura, escritura, restauración, fotografía ou cerámica, entre outros.
Para acudir á inauguración é necesario reservar cita no teléfono 619.432.721 ou a través do correo electrónico granerodelmas@gmail.com
Nesta apertura, as persoas asistentes poderán ver a primeira mostra con obras de artistas como Carmen Hermo, Antón Sobral, Marisa Codón Vega, Tino Canicoba, Soledad Pite, Pedro Ávila ou Alberto Pena.