'Pinocchio', de Ghazafelhos, primeira actuación en Cambados do circuíto de teatro familiar
Por Redacción
Cinco espectáculos poderán verse durante varias fins de semana no Auditorio Municipal da Xuventude ata o mes de xuño. Trátase de montaxes que forman parte da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios da Xunta de Galicia.
Este domingo 11 de abril ás 12.30 horas desenvolverase a primeira función a cargo da compañía Ghazafelhos, que presentará 'Pinocchio', unha obra na que se combinan marionetas, teatro e música en directo a través dunha historia clásica na que se combina sensibilidade e humor.
O domingo 18 chega a quenda de 'Patapatúm', de Elefante Elegante, unha obra sen palabras que realiza unha reflexión para o público familiar sobre o tempo e a infancia. Xa o día 25 de abril, o protagonismo será para o circo da man de Galitoon con ' The show moscón', onde un armario abre as súas portas para mostrar números circenses.
O Auditorio acollerá o sábado 1 de maio ás 21.00 horas unha montaxe de danza denominada 'Mocap', de Matías Daporta. A función mostra como a cultura dixital actual interfere nas relacións co corpo.
Tamén no mes de maio, o día 2, a compañía Producións Teatrais Excéntricas representará 'Cartoóns', un espectáculo no que se promove a conciencia ecolóxica, o traballo colectivo e a empatía.