Aberto ata o 15 de setembro o prazo para presentar novelas curtas ao Premio Manuel Lueiro Rey
Por Redacción
Xa se poden consultar as bases da edición XXVIII do Premio de novela curta Manuel Lueiro Rey, un certame literario convocado polo Concello do Grove desde 1992, que conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra.
Este certame quere honrar a vida e a obra do escritor e xornalista que lle dá nome e, ao mesmo tempo, promover a escritura en lingua galega e a divulgación dos seus autores. O premio está dotado con 3.000 euros e a publicación da obra gañadora por Edicións Xerais de Galicia.
Calquera persoa física que presente o seu texto en galego poderá presentarse ao certame. As bases pódense consultar na web do Concello do Grove e o límite para a presentación dos traballos é o 15 de setembro.
Os textos deberán oscilar entre as cincuenta e as cen páxinas, en folio dinA4, de 2.500 caracteres cada páxina, apróximadamente, con espazos entre liñas de 1,5 e as follas deberán estar numeradas.
O xurado estará formado por cinco persoas especialistas en literatura e crítica literaria, entre os que se atopará tamén o gañador da edición anterior, Manuel Antonio Piñeiro Fernández, que lograba o premio coa súa obra 'Trávelin'.