Documentos históricos sobre a Semana Santa pontevedresa nas redes sociais do Museo
Por Redacción
O Museo de Pontevedra publica, con motivo da Semana Santa, algúns documentos históricos a través da súa páxina en Facebook para achegar imaxes relacionadas coa celebración de actos relixiosos en épocas históricas no municipio de Pontevedra.
Desta forma, desde a institución provincial mostran un cartel que se acaba de incorporar aos fondos gráficos do Museo. Trátase dun documento que anuncia a celebración da Semana Santa en Pontevedra no ano 1953. O autor deste traballo é Luis Pintos Fonseca, un debuxante e tamén gravador que pertencía á Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra entre 1926 e 1929. Contou cunha bolsa da Deputación Provincial e estivo relacionado coas propostas do naturalismo que dominaba a arte oficial madrileño naqueles anos. Pintos Fonseca estudara na Real Academia de Belas Artes de San Fernando con docentes como Eduardo Chicharro e Manuel Benedito.
Ademais, nas redes sociais, o Museo de Pontevedra ofrece outra imaxe histórica: a primeira das oito páxinas que compoñen os autos e acordos para que se desenvolvese a procesión de Semana Santa no ano 1789. Trátase dun documento que se atopa nos fondos museísticos tras ser recollido pola Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, unha institución que fora fundada por Casto Sampedro no ano 1894. Esta sociedade, que contou con Alfonso Rodríguez Castelao como debuxante, sentou as bases para crear o Museo Provincial no ano 1927.