Os Vermús de Pinto e Maragota regresan cun encontro lector protagonizado por Nee Barros
Por Redacción
Os Vermús de Pinto e Maragota regresarán o vindeiro mércores 31 de marzo coa celebración, na Libraría Paz, dun encontro lector sobre literatura visible co autor Nee Barros Fernández. A partir das 19:30 horas, e coincidindo coa conmemoración do Día Internacional da Visibilidade Trans, Barros falará do seu libro 'Identidade. A normalidade do non-común' para promover a diversidade sexual e de xénero.
A concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, aclarou que esta obra de teatro "pretende visibilizar a realidade trans". "Fala da liberdade, da necesidade de ser e, sobre todo, da identidade", onde o protagonista "vive unha historia chea de valentía, loitando a contracorrente por construír a súa propia identidade". Blanco engadiu que "é preciso" que autores como Nee Barros "conten as súas historias e axuden á sociedade a visibilizar que o aparentemente 'non-común' tamén é normal",
O encontro será presencial, con aforo reducido e será retransmitido en directo a través das redes sociais do Concello de Pontevedra, #PonteLovers e Pinto e Maragota. Así mesmo, todas as persoas interesadas en participar deben reservar a súa entrada de balde no correo electrónico info@pintoemaragota.gal.
O libro e o autor
'Identidade. A normalidade do non-común' foi escrito en 2017, cando Nee Barros tiña 14 anos. Está pensado para un público adolescente, pero pode ser interesante para xente adulta ou con máis experiencia lectora, que tamén pode aprender e/ou cuestionarse a través das súas páxinas.
Pola súa banda, o autor autopublicou o seu primeiro libro a finais de 2020 chamado '19 poemas para un virus-19'. A súa obra literaria acadou multitude de recoñecementos, entre os que se inclúen o primeiro premio nas XV e XVI edicións do Certame de Curtis, o terceiro posto nos Premios Minerva do 2020 e varios galardóns nos certames da RAG e Puntogal, no de guións de radioficción de Cuac FM, no do Facho e nos de Pontedeume, Ames, Cambre, Vilalba, Ben Veñas Mario e Lingua de Namorar.
Unha das súas pezas breves de teatro, 'A metamorfose forzada ou xuízo nun acto', foi publicada na revista Erregueté como premio polo V certame Testeatro. Ademais, a súa canle de YouTube, na que explica temario de historia da literatura galega e intenta difundila, acaba de ser nomeado para os premios Follas Novas.
Relacionadas:
-
A memoria e a realidade LGTBIQ+ chega a catro institutos da cidade con 'Identidade' e Nee Barros
Por Redacción |
-
As experiencias 'Trans-Formadoras' nas aulas, a debate no Pinto e Maragota 2021
Por Almu Dapena & Cristina Saiz |
-
'A diversidade sexual e de xénero nas aulas' centrará un congreso que se celebrará o 29 de maio
Por Redacción |
-
"Cobiza" de María Reimóndez, Premio Pinto e Maragota, xa está nas librarías
Por Alejandro Espiño |
-
A memoria e realidade LGTBIQ+ chega aos institutos de Pontevedra a través da peza documental "Persoas S.A."
Por Redacción |