Un cento de persoas gozará da obra teatral 'Muiñada' no exterior do Pazo Provincial da Deputación

Por Redacción
O 27 de marzo celébrase o Día Mundial do Teatro. Con ese motivo, a Deputación de Pontevedra decide sacar a actividade escénica á rúa con dúas funcións #ante as sedes provinciais da institución provincial.
Co lema 'A Depo inspira Teatro', as compañías Galeatro e Inventi Teatro ofrecerán os seus espectáculos para todos os públicos, que tamén se poderán seguir a través de streaming.
A primeira función, a cargo de Galeatro, será o venres 26 ás 18.00 horas ante o Pazo Provincial da Deputación. Trátase dunha montaxe dirixida ao público infantil e familiar, recomendada a partir dos tres anos. A proposta é unha viaxe ao pasado de maneira moi instructiva para os escolares. É unha obra dirixida por Davide González, con texto de Ana Carreira e interpretada por Alba Bermúdez e Tone Martínez. Os dous personaxes atópanse nun muíño de auga e inician unha discusión na que se contarán historias e non faltará a música.
O sábado 27 de marzo, a partir das 12.00 horas, a compañía Inventi teatro representará no exterior da sede da Deputación en Vigo no Casco Vello o espectáculo 'A tropa do doutor Milagre'.
Para poder acudir é necesario inscribirse no correo electrónico participa.cultura@depo.gal Cada persoa poderá reservar un máximo de catro butacas. En caso de choiva, as montaxes serán representados na sala de plenos da Deputación no caso de Pontevedra cun máximo de capacidade de 100 persoas ou na sala Rosalía de Castro en Vigo.