O obradoiro literario de Inma López Silva marca o inicio da Escola de Letras

Por Redacción
Con todas as prazas completas comezou este luns a segunda edición da Escola de Letras, unha iniciativa de creación literaria impulsada pola Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia.
Fíxoo cun obradoiro literario que, baixo o título Tod@s temos unha historia que contar, está impartido pola escritora Inma López Silva. Debido ás restricións da pandemia, esta primeira actividade vaise a desenvolver de xeito telemático.
Este obradoiro impartirase os días 15 e 22 de marzo, 12,19 e 26 e abril e 3, 10 e 24 de maio.
Con quince alumnos por clase, a docente tamén impartirá outro curso, de maneira telemática, durante oito sesións, os días 17 e 24 de marzo, 14, 21 e 28 de abril e 5, 12 e 19 de maio.
A Escola de Letras oferta este ano un total de seis cursos. Xunto cos de López Silva, serán dous obradoiros de poesía con Antonio García Teijeiro e Elvira Ribeiro Tobío e dous obradoiros literarios con Anna R. Figueiredo e Diego Giráldez.
Ante a ampla demanda, todos os cursos están completos e con lista de agarda de 60 persoas. Todas aquelas persoas que estean interesadas en participar, poden escribir a escoladeletras@editorialgalaxia.gal para entrar nas listas.