O grupo 'Senior Poderosas' plasma as súas vivencias en 'Bitácora de un confinamiento'
Por María José Pita
O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, presentaba xunto a María Sánchez Lareo, a profesora do taller de Lóxica Senior do Centro Kairós, o libro 'Bitácora de un confinamiento. Viaje por los tiempos del Covid-19'.
Esta publicación recolle as vivencias, textos e testemuños das seis mulleres, profesora incluída, que participan neste taller que, debido ao confinamento e a situación da pandemia, cambiou o seu formato presencial por un intercambio de actividades a distancia.
"Ao ler este exemplar, probablemente te identifiques con moitos dos momentos que nel se plasman: alegría, tristeza, medo, dúbidas, ganas de berrar, ansias de liberdade e desexo de vivir", apunta Marcos Rey desde o prólogo.
"Cando comentei que pensaba crear un grupo de whatsapp para cada Taller, incluíndo ás Senior, escoitei algunhas voces que dubidaban que funcionase con... 'xente maior'", explica María Sánchez Lareo no libro, á vez que se reafirma no seu convencemento de que non hai idade para comunicarse coas novas tecnoloxías, como ben demostraron as autoras.
O grupo de whatsapp, que se autodenominou 'Senior Poderosas', foise enriquecendo coas achegas de todas as participantes, ata tal punto que as actividades propias do Taller de Lóxica fóronse transformando en textos cada vez máis elaborados onde estas seis mulleres podían envorcar as súas inquietudes, especialmente durante o confinamento, cando o contacto social estaba tan limitado.
Cristina Bonaque, Conchita Rodríguez, María Teresa Sánchez, Carmen Corbal, Josefa Somoza e María Sánchez son as autoras dunha obra que nace coa esperanza de acompañar a aquelas persoas que se sintan soas e sobrepasadas pola situación da pandemia, para que saiban que hai mulleres que comparten as súas preocupacións, desexos e soños, e que souberon atopar a motivación para seguir adiante entre tanta incerteza..
O libro 'Bitácora de un confinamiento. Viaje por los tiempos del Covid-19' poderá ser consultado proximamente na web do Concello de Pontevedra. A edición impresa contou co financiamento da Concellería de Benestar Social, que proxecta a súa distribución gratuíta á vez que desde o Centro Kairós estase en conversacións co Banco de Alimentos de Pontevedra para dar a opción á cidadanía que o desexe a realizar unha pequena achega á ONG a cambio do seu exemplar.