"Ons" e "A illa das mentiras" encabezan as candidaturas aos Premios Mestre Mateo
Por Redacción
Ata 13 candidaturas logrou a película Ons, de Alfonso Zarauza, de cara á XIX edición dos Premios Mestre Mateo, que se entregarán o vindeiro 10 de abril na Coruña. O filme, rodado integramente na illa, é unha das grandes favoritas deste ano.
Xunto co premio á mellor longametraxe, Ons logrou representación en todas as categorías principais, entre elas para Alfonso Zarauza (dirección), Melania Cruz (actriz protagonista), Antonio Durán Morris (actor protagonista), Marta Lado (actriz de reparto), Xúlio Abonjo (actor de reparto) ou Alfonso Zarauza e Jaine Camborda (guión).
Ademais, a película foi nomeada pola súa dirección de fotografía (Alberte Branco), dirección de arte (Elia Robles), dirección de produción (Tamara Soto), vestiario (Alicia Dapena e Lola Dapena), son (Sergio Silva e David Machado) e montaxe (Fernando Alfonsín).
A súa principal rival será A illa das mentiras, de Paula Cons, con 11 candidaturas a estes premios. Optará, entre outras, á mellor longametraxe, á mellor dirección e ao mellor guión. Nerea Barros e Darío Grandinetti, como actores protagonistas, e Victoria Teijeiro e Milo Taboada, como actores de reparto, tamén competirán polo premio.
A terna de finalistas na categoría principal, o premio á mellor longametraxe, complétase coas películas Arima de Jaione Camborda, que obtivo 7 candidaturas en total; e Lúa Vermella de Lois Patiño, que optará a catro premios, entre eles á mellor dirección.
O premio á mellor serie de televisión estará, pola súa banda, entre Néboa (TVE), O sabor das margaridas (TVG), El desorden que dejas (Netflix) e Auga Seca (TVG).
OTROS CANDIDATOS PONTEVEDRESES
A XIX edición dos Premios Mestre Mateo ten outros finalistas vinculados con Pontevedra, como o realizador cambadés Juan Galiñanes, que optará ao premio á mellor montaxe polo seu traballo na serie El desorden que dejas (Netflix).
Nación, de Margarita Ledo, que narra a historia das mulleres da Pontesa, é unha das candidatas ao premio á mellor película documental, galardón que tamén loitará por conseguir A media voz, un filme producido pola compañía pontevedresa Matriuska Producciones.
A lista completa de finalistas pódese consultar na páxina web da Academia Galega do Audiovisual.
Relacionadas:
-
O cine de Pontevedra estrea "Nación", a película de Margarita Ledo sobre as mulleres da Pontesa
Por Alejandro Espiño |
-
"Ons" resiste na carteleira de Pontevedra tras superar os 5.000 espectadores en toda Galicia
Por Redacción |
-
'Ons', a película de Alfonso Zarauza, xa pode verse nos cines comerciais de Pontevedra
Por Redacción |
-
'A illa das mentiras' de Paula Cons participará no Festival de San Sebastián
Por Redacción |
-
RADIO.- 'A illa das mentiras' de Paula Cons estréase vía dixital o próximo 24 de xullo
Por Marisa Ciordia |