O Museo convoca un concurso fotográfico ao redor da exposición de José Suárez
Por Redacción
O Museo de Pontevedra convoca o concurso de fotografía destinado ao público xuvenil 'Pegadas do mar e da terra', como complemento á exposición adicada a José Suárez.
Este concurso está dirixido a mozas e mozos que cursen ESO ou Bacharelato. Para participar deben presentar unha única imaxe seguindo as características das creacións do fotógrafo de Allariz, de quen se poden ver as súas obras no Edificio Castelao do Museo pontevedrés na mostra titulada 'José Suárez 1902-1974'.
O persoal do Servizo de Educación do Museo lembra que José Suárez inmortalizou coa súa cámara o traballo das xentes de Galicia e as súas pegadas no mar e na terra. Por iso como homenaxe ao fotógrafo galego, as fotografías presentadas ao concurso deben ser en branco e negro e xirar en torno a unha desas dúas temáticas, onde os obxectos e as xentes vencelladas a estes labores tradicionais sexan os verdadeiros protagonistas: aparellos de pesca, marisqueo ou de labranza, pezas de olería ou embarcacións tradicionais, entre outras.
Cada participante poderá presentar unha única fotografía en branco e negro, preferentemente en formato horizontal, sendo unha obra propia, orixinal e inédita. As fotografías deberán ser enviadas ao correo electrónico educacion.museo@depo.es xunto co nome e o curso do autor e o do seu centro educativo, o título da obra e categoría na que participa ('Pegadas do mar' ou 'Pegadas da terra'), un breve comentario da peza fotografada (identificación, uso, características…), e mes e ano da realización da fotografía. No caso de que nas fotografías aparezan persoas que poidan ser identificadas polo seu rostro deberase contar coa súa autorización.
O prazo límite de presentación de fotografías será o 11 de abril. Os aspectos que se valorarán serán a orixinalidade e calidade artística e técnica da imaxe; a idoneidade do título; o seu contido relacionado co tema do concurso; e o comentario que acompaña ao obxecto retratado.
Outorgaranse dous premios en función do nivel educativo, ESO e Bacharelato, en cada unha das categorías temáticas. Os autores das obras seleccionadas recibirán un agasallo vinculado coa fotografía e o catálogo da exposición de José Suárez. Os premios serán publicados na web e no Facebook do Museo xunto cunha selección de obras escollidas polo xurado entre o conxunto das presentadas.
O xurado estará formado por profesionais do Museo vencellados aos fondos fotográficos. O fallo darase a coñecer nos días inmediatos á fin do concurso e comunicarase a través dunha chamada telefónica e da web e do Facebook do Museo.
Relacionadas:
-
Preto de 800 persoas visitaron no Museo en apenas tres semanas os cadros expoliados polos nazis
Por Oskar Viéitez |
-
Arrancan as visitas guiadas para a exposición 'José Suárez 1902-1974' no edificio Castelao
Por Andrea Sánchez Barreno |
-
Inauguran a mostra 'José Suárez 1902-1974', que a pandemia obrigara a aprazar
Por María José Pita |