O Museo de Pontevedra exporá as pezas dos seus fondos relacionadas con Emilia Pardo Bazán
Por Redacción
O Museo de Pontevedra dedicará o Día da Muller 2021 a Emilia Pardo Bazán, coincidindo co ano do centenario da súa morte.
A homenaxe realizarase a través dunha pequena exposición temporal dos fondos propios relacionados coa autora e que estará aberta ao público dende o vindeiro martes 9 de marzo e durante unha semana.
O obxectivo da mostra é dar a coñecer algúns aspectos curiosos da biografía de Pardo Bazán a través dunha selección de creacións artísticas, documentais, gráficas e bibliográficas do Museo por tratarse dun exemplo dunha muller defensora da igualdade que se soubo abrir camiño nun mundo dominado por homes, sendo hoxe unha figura imprescindible da cultura da España da Restauración.
Esta pequena mostra situarase na sala do Edificio Castelao onde se atopa a obra do pintor coruñés Joaquín Vaamonde Cornide, de quen foi mecenas.
Ademais da visita por libre, o departamento de Educación ofrecerá visitas comentadas para as que é necesaria inscrición e que estarán suxeitas ás medidas sanitarias vixentes (aforo máximo de catro persoas máis o guía) que podería variar en función das posibles modificacións da normativa.
Serán os días 11 e 12 de marzo ás 18 horas e a inscrición debe formalizarse a través do correo electrónico educacion.museo@depo.es (a atención aos correos é de luns a venres de 8:30 a 14:30).
Por outra parte, e tamén para celebrar o Día da Muller, a institución comezou a amosar no seu Facebook obras de mulleres artistas da colección propia coa etiqueta #8días8mulleresartistas. Ao longo de oito días amosarase cada día unha obra, comezando este xoves 4 de marzo a sección con 'As pitas', un óleo sobre lenzo realizado en 1880 por Carmen Babiano Méndez-Núñez (1852-1914).
Relacionadas:
-
Amplían ata o 12 de maio a mostra sobre Emilia Pardo Bazán no Museo
Por Redacción |
-
Inauguran a mostra 'José Suárez 1902-1974', que a pandemia obrigara a aprazar
Por María José Pita |
-
Inaugurase a exposición no Edificio Castelao das obras procedentes do espolio nazi
Por Redacción |
-
Así locen a Praza da Leña e o Museo da cidade "cool" en 'Un país para escucharlo' con Ariel Rot e Víctor Coyote
Por Redacción |